Tuesday 07 de May de 2024

O Concello adhírese ao proxecto Diversiplás para darlle un novo uso ao plástico


 O alcalde recibiu á asociación Íntegro, impulsora da iniciativa, que entregou dous colectores brancos

 Os colectores xa están a disposición da veciñanza na Biblioteca Municipal e na Oficina Municipal de Corme

O Concello de Ponteceso xa é colaborador do proxecto Diversiplás. O alcalde, José Manuel Mato, recibiu por parte do presidente de Íntegro, Adolfo López, dous colectores brancos para a recollida de envases de plástico. No acto tamén estiveron presentes a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, e a xerente de Máis Porvir, Sandra Caamaño.
Concretamente, os colectores están xa a disposición da veciñanza na Biblioteca Municipal e na Oficina Municipal de Corme para a deposición de envases de polietileno de alta densidade (número 2 na súa etiqueta), polipoprileno (5) ou poliestireno (6).
O procedemento é sinxelo: os envases a depositar deben ser lavados con auga e xabón. E, tras retirarlle tamén as etiquetas, poden ser depositados nos puntos indicados para a súa reciclaxe.
Deste xeito, o Concello de Ponteceso aporta o seu gran de area nesta iniciativa da asociación Íntegro, que busca colleitar os plásticos para construír unha Costa da Morte máis sostible. Neste sentido, a asociación pon en marcha un proceso de recuperación e valorización destes residuos que, ademais, promove a integración social e fomenta entre as persoas con discapacidade oportunidades ocupacionais, terapéuticas ou laborais.